"Señora de" amosa os testemuños de varias xeracións de mulleres ás que a historia nin sequera lles permitiu soñar. O único que puideron facer foi resignarse e aceptar que naceron e medraron noutra época na que as súas voces, os seus desexos e mesmo os seus pensamentos foron silenciados.
Os testemuños recollidos en "Señora de" son variados e amosan un amplo espectro de mulleres de diferentes clases sociais e con diferentes tipos de educación. Son mulleres da cidade e do campo, do mar e do interior, que se enfrontan ás súas lembranzas e falan por primeira vez do que foi a súa vida, dunhas formas de vida que hoxe resultan intolerables na nosa sociedade occidental e desenvolvida, pero que constituían a vida das mulleres na Galicia e na España dunha historia moi recente.