Ciclo Superior de FP (L.O.E.)

Aparte dos exercicios teórico-prácticos programados para cada módulo, O RAIO VERDE organiza varias experiencias pedagóxicas extraordinarias, fóra do horario regulamentado ao longo de todo o curso. Estas iniciativas parten da convición de que o alumnado ten que estar en contacto permanente co sector laboral no que vai a desenvolver a súa actividade profesional. Poden ser resumidas en tres grandes grupos:


1. Visitas de técnicos especialistas ao Centro

O interese educativo destas experiencias teñen como finalidade que o alumnado coñeza de primeira man as condicións reais dos traballadores de medios audiovisuais, teatro e espectáculos. Estas visitas artéllanse mediante unha charla-coloquio informal que prioriza a relación directa entre profesionais e alumnos/as, para que estes amosen as súas inquedanzas e dúbidas sobre as distintas facetas do seu futuro labor e, por extensión do sector no que traballará.


2. Visitas do alumnado a centros de traballo

En canto a estas actividades, o seu interese educativo radica na posibilidade de que os alumnos/as poidan coñecer `in situ´ as condicións laborais do sector en Galicia. Para, levalos a cabo O RAIO VERDE xestiona os permisos previos e transportes necesarios, establece o contacto coas persoas responsables da produción no centro de traballo e que, a súa vez, serva de guía da estancia visitada.

Entre as visitas programadas en cada ano académico podemos citar a modo de exemplo á visita guiada á CRTVG e ao Salón Teatro (coincidindo con algunha estrea do Centro Dramático Galego). Así como a asistencia á realización en directo de programas televisivos e radiofónicos.
   
Non sempre son os estudantes os que visitan aos centros de traballo, senón que empresas e profesionais do sector empregan os medios dispoñibles na Escola para a realización dos seus programas. Podemos citar a realización en directo do programa radiofónico "Boas tardes" da Cadea Ser ou a gravación do programa piloto "Jaque Mate" e que contaron coa participación do alumnado.
   
Colaborouse coa asistencia e participación na produción na edición dos Premios da Academia Galega do Audiovisual, no Cartoon Forum e na Gala dos Premios María Casares (premios do teatro galego). Participouse no Seminario Mercado Exterior do Cine Español e no Congreso de Audiovisual na Educación celebrado en Santiago.
   
Ademais hai que sinalar que dende a Escola se promove e se xestiona a asistencia dos alumnos cada ano ao Festival de Cine Independente de Ourense, a Festifeira (Vilagarcía) e ao Festival de Cine de Viana do Castelo (Portugal), que serve de referencia para coñecer á actualidade da produción audiovisual e como punto de encontro con outras escolas, profesionais, etc. asi como para reafirmar os lazos de amizade entre os propios compañeiros do ciclo formativo, e contribuíndo a consolidar o sentimento de pertenza ao grupo- clase.

Por outro lado, hai que destacar a ampla oferta cultural, de espectáculos e de formación permanente que se oferta na cidade de Santiago de Compostela.

Entidades como o Clube Internacional de Prensa, o Clúster do Audiovisual Galego, o CGAC ou as diversas salas privadas e públicas organizan ao longo de todo o curso académico eventos vencellados ao ciclo formativo de transcendencia nacional e internacional.

Aproveitando, este emprazamento privilexiado da Escola, promóvese a asistencia dos/as alumnos/as na participación das mesmas: Curtocircuito, Cineuropa, charlas de persoeiros de ampla traxectoria no sector, cursos específicos sobre aspectos concretos do contido do Ciclo de Produción Audiovisual, Radio e Espectáculos... Así como se acompaña aos estudantes á estreas cinematográficas, teatrais e a rodaxe de distintos produtos audiovisuais (series e programa de televisión, de radio, películas cinematográficas ou spots publicitarios).

 

3. Cursos complementarios

Desde O RAIO VERDE considerouse convinte completar a formación regrada para o ciclo con cursos enfocados á especialización en ámbitos específicos, especialmente no eido das ferramentas informáticas. Entre os talleres máis recentes hai que citar a aprendizaxe do manexo de programas específicos de produción, como o Movie Magic Scheduling, de manexo avanzado dos programas do paquete de Microsoft Office ou de deseño gráfico, como o Corel Draw, Freehand, e Photoshop.