Natalia Ibáñez, premio á mellor actriz na XIII Mostra de Teatro Universitario de Galicia: "Sinto o teatro como algo esencial na miña vida, algo que me enriquece dun xeito indescriptible; non concibo un futuro sen él"

Este venres 1 de xuño a XIII Mostra de Teatro Universitario de Galicia, na que participaron 14 compañías no mes de maio en Santiago de Compostela, entregou os seus premios no Salón Nobre do Colexio de Fonseca da USC. Natalia Ibáñez resultou a gañadora na categoría de mellor actriz pola súa interpretación da personaxe de "Chusa" na obra "Baixarse ao moro", adaptación de "Bajarse al moro" de José Luis Alonso de Santos. A súa compañía, Pinchacarneiro Teatro, foi a compañía máis galardoada na Mostra cos premios á mellor dirección e ao mellor actor, amais do que levou Natalia.


Hoxe tivemos a oportunidade de falar con ela, unha ourensá de 22 anos, entusiasta e cun sorriso enorme que estuda 4º de Psicoloxía na USC e que irradia moita naturalidade e encanto.

P-Antes que nada, parabéns polo galardón, Natalia!  Como foi a celebración por parte de toda a Compañía ao coñecer que levabais tres premios? Que se sinte ao recibir tal recoñecemento?


R- Moitas grazas! Estamos todos encantados, xa que non nos esperábamos os tres premios, e que se recoñeza desa forma o traballo de meses, resulta realmente alagador. Foi una sorpresa increíble, e como tal celebrámolo ao saír da entrega.


P-Que nos podes contar da compañía Pinchacarneiro Teatro á que pertences dende o seu comenzo?


R- Foi fundada no 2009 por iniciativa de Alberto Martínez Antelo, que é o director. Nun principio eramos cinco actores, dos que só quedamos tres: Alberto, Ramón Insua máis eu. Comezamos coa obra "Policia", de S. Mrozeck, versionada por Cándido Pazó. Ao ano seguinte uníronsenos dez actores máis, para montar "A comedia do Gurgullo" de Plauto, versionada por Celso Parada. Dende o principio sempre traballamos moi a gusto, aprendendo moitísimo entre todos e facendo un bo equipo xuntos.

A obra deste ano é "Baixarse ao moro" unha versión da obra homónima de José Luis Alonso de Santos, e somos nove actores, Ramón , Alberto, David Carrera, Pablo Heyssel, Marta Gómez, Sofía Garrido, Óscar Reinoso, Gael Carballo máis eu. Esta obra estreámola alá por marzo nun festival en Barcelona, e despois estivemos aquí en Santiago nunha sala pequeniña (Vidal Bolaño), en Rianxo, en Ourense, e por último, aquí en Santiago no Salón Teatro o 24 de maio no marco da XIII Mostra de Teatro Universitario de Galicia.


P- Alberto Martínez, o director da compañia, tamén levou o premio á mellor dirección da Mostra e Ramón Insua, un dos protagonistas da obra, ao mellor actor. É moita casualidade ou formades un triángulo estelar entre os tres?


R- A verdade é que os tres coñecímonos no casting da Aula de Teatro da USC, no 2008, e os tres fomos escollidos, representando ese ano "Xogos á hora da sesta" baixo a dirección de Cándido Pazó. E dende aquelas xa non nos volvimos separar. Alberto, sempre foi o director da compañía, ten 22 anos e é de Noia; estudou maxisterio e agora está a rematar psicopedagoxía. Leva dende neno facendo teatro, xunto a Ramón, que tamén é de Noia, ten 22 anos e estuda maxisterio. E sí, facemos un bo equipo ademáis de compartir unha grande amizade.


P- Como foi ata o de agora a túa traxectoria nas artes escénicas?


R -Eu empecei en clases de teatro con 14 anos, no obradoiro de Loly Buján da Casa da Xuventude de Ourense; estiven catro anos, representando obras como "Historia de una escalera", "Petición de mán", "Las brujas de Salem", "Doña Rosita la soltera"... Neses anos tamén fixen un par de cursos, de maquillaxe escénico e loita con florete, escénico tamén. Tamén participei nunha creación colectiva que se fixo o ano pasado entre moitas compañías de teatro da USC, a obra chamábase "Caricias" de Sergi Belbel, un proxecto a verdade moi interesante, e cun resultado moi bo. E este ano fixen tamén un workshop de creación escénica, "Be Crazy", impartido pola compañía profesional galega Voa Dora. Realmente unha experiencia única e espectacular.


P- Vendo os cursos realizados pódese dicir que che tomas moi en serio esta profesión e que das moita importancia á formación neste eido...


R- Sí, a formación ten que ser continua neste ámbito, cada día apréndese algo novo e tes que esforzarte polo que máis che gusta e che fai sentir ben. Eu sinto o teatro como algo esencial na miña vida, algo que me enriquece dunha forma indescriptible, polo que non concibo un futuro sen él.


P- Amais eres estudante de Psicoloxía...Como che plantexas o futuro máis inmediato?


R- Sí, estou a rematar 4º de Psicoloxía, que tamén me apasiona. Por agora o de compatibilizalo nunca me deu problema e espero que non mo chegue a dar....se non terei que decidir, e no momento no que me atopo agora mesmo, encantaríame dedicarme antes ao teatro de forma profesional que exercer de psicóloga, aínda que penso que podo compaxinar ambas cousas.

P-Ter coñecementos sobre os procesos psicolóxicos cognitivos axuda á hora de interpretar?


R-Si que inflúe, pero non tanto o que se estuda como a empatía que un teña... cando estás no escenario non estás facendo de alguén, ti es ese alguén, polo que, se tes facilidade para saber como pensan ou actúan persoas diferentes a ti, eso axudarache moito á hora de interpretar.


P-E co respecto aos plans de futuro da Compañía que podes adiantarnos?


R- Polo momento... seguir coma istes anos, disfrutando co que facemos, montando obras que nos divirtan e das que poidamos aprender. Ao pasar tanto tempo xuntos, entre ensaios e ensaios, convertímonos xa en unha pequena familia, facendo todo xuntos, vestiario, escenografía, iluminación... e así queremos seguir todo o tempo que sexa posible!