Miguel Pena, alumno de 1º de FP de O Raio Verde: "Non hai nada sen esforzo. Ter o título está moi ben e axuda moito pero a clave está en traballar duro antes e despois "

Nestes tempos de dificultade laboral, confusión e desalento, ser xoven, ter as cousas claras e esforzar por conseguilo, non é incompatible. Ese é o caso do compostelán Miguel Pena, alumno de 1º do Ciclo Superior de Produción en Audiovisuais, Radio e Espectáculos de O Raio Verde, que con tan só 20 anos xa sabe a que e como quere dedicar a súa carreira profesional e tamén como ir canalizando as súas ilusións e inquedanzas no sector audiovisual. Escribiu e realizou varias curtas e reportaxes, ademais de distintas iniciativas no ámbito da música. Soña con montar a súa propia produtora, para a cal xa ten nome "Monoa Pro", que fai honra ao primeiro contrasinal de messenger que ideou con 12 anos.

Falamos con el, un mozo inquedo e loitador, con motivo das prácticas que acaba de rematar en ZircoZine, a produtora independente de Farruco Castromán e Luis Tosar.

P- Miguel, en que consistiu a túa formación práctica en ZircoZine?
R-Estiven a rodar no mes de maio xunto ao equipo de "Encallados", unha tv movie sobre un grupo de amigos enredados no difícil camiño de sacar adiante un filme, co sumario xudicial do caso Prestige como fondo. Está dirixida por Alfonso Zarauza, premiado no Festival Internacional de Cine de Viña del Mar 2008, e Alberto Díaz "Bertitxi" é o director de fotografía. O reparto compóñeno Xulio Abonjo, Federico Pérez, Ricardo de Barreiro e Farruco Castromán. Esta produción é de baixo orzamento e está rodada en 16 mm e en branco e negro. Eu traballei como video assist.

P- Pódenos explicar en que consiste exactamente o posto de video assist?

R- É o profesional encargado durante a rodaxe de mandar o sinal da cámara pola que se grava ao monitor co que traballan o director e o script. Á súa vez o video assist envia o sinal á denominada "concha" que é o reprodutor portátil da cinta en mini DV que vai gravando todas as tomas. Gárdase unha cinta por xornada, o que facilita a montaxe posterior.

P- Cóntanos, como chegaches a O Raio Verde e como foi esa toma de decisión de profesionalizarte en produción audiovisual?
R- Hai dous anos cursei un só trimestre na Escola pero non resultou un momento axeitado para centrarme no Ciclo xa que preferín apostar por inicitiativas propias como a organización do Festival de Música Independente Gali Gali (celebrado na Sala Moon de Santiago) ou a elaboración de guións, como "El Camino", que teño en mente realizar en breve. Sempre me preguntara, en que quero traballar? O ano pasado vino claro e si que me sentín con ganas de esforzarme por formarme de xeito profesional e sacar o máximo rendemento ao FP. Volvín con moitas forzas e coas cousas claras e xa estou a rematar primeiro.


P- Que nos podes contar do que fixeches durante este curso na Escola?

R- Escribin e dirixin dúas curtas, "El Secreto" e "Alcohol" e unha reportaxe "O Rexurdimento do Vinilo", que podedes ver na miña canle de Youtube (http://www.youtube.com/user/MonoaPro). Durante este curso en O Raio Verde levei a cabo a realización destas tres producións e foi durante este curso que fun madurando a idea de ter a miña propia produtora, "Monoa Pro".

P- Que valores destacarías de O Raio Verde?
R- En primeiro lugar, realizar prácticas en empresas dende o principio, poder levar a cabo funcións en postos reais e coñecer profesionais do sector, como puiden coñecer a Luis Tosar, por exemplo, que fai un cameo en "Encallados"... ou outra xente do ámbito con quen poder facer contactos para o meu futuro. Ademais, o Ciclo facilitoume poder realizar as curtas e a reportaxe antes citados ademais dun programa de radio alternativo de difusión en Internet, "Bass Cannon Music", un formato de radiofórmula de música dubstep.


P- E en canto á formación?
R- Podo dicir que hai bo ritmo de impartición e un bo clima na Escola, e entre os compañeiros. Ademais, estamos en contacto cos alumnos de segundo curso. Os profesores son xente familiar, próxima, e o máis importante, son profesionais do sector e trasládannos como están as cousas aí fóra, ademais dos coñecementos teóricos ou técnicos.

P- Dende a túa experiencia actual, que dirías aos mozos que están nese momento de decidir que estudar ou a que dedicarse e que están a pensar en adentrarse neste sector ou soñan en concreto con dedicarse á produción audiovisual?

R- Que non hai nada sen esforzo. Ter o título está moi ben e axuda moito pero a clave está en traballar duro antes e despois. O produtor é o que se encarga da produción, organización e contratación, de que estea todo listo e non haxa problemas para que a rodaxe se realice sen dificultade. Diría aos rapaces que están nese punto, que se son activos e teñen moitas ideas, non se deixen guiar polo que os demais din, que se son creativos e senten paixón se introduzan neste mundillo sen medo, sempre se poden crear saídas propias para levar a cabo as inquedanzas.

.