ACCESO A UNIVERSIDADE DENDE A FP

As persoas que dispoñan dun Ciclo Superior de Formación Profesional, poderán acceder de modo directo, sen necesidade de proba, a calquera ensinanza universitaria de grao.

Acceso
As persoas que dispoñan do título de técnico superior de formación profesional, ou do título de técnico superior de artes plásticas e deseño, ou do título de técnico deportivo superior, ou de títulos equivalentes, poderán acceder de modo directo, sen necesidade de proba, a calquera ensinanza universitaria de grao.

Admisión 
Nota de admisión
No caso de que o número de solicitudes de admisión a unha ensinanza conducente a un título universitario de grao sexa maior que o número de prazas dispoñibles, e para os efectos de ordenar as solicitudes para a súa adxudicación, utilizarase unha nota de admisión que coincidirá coa nota media do ciclo formativo.

Nota de admisión = NMC (nota media do ciclo formativo)
 

Cálculo da nota media do ciclo formativo
NMC (nota media do ciclo formativo): suma das cualificacións numéricas dos módulos, cualificados de 1 a 10, sen decimais, e división do resultado obtido polo número total dos módulos. Non se computarán nin o módulo de formación en centros de traballo nin aqueles que foron obxecto de validación.
A nota media expresarase con dúas cifras decimais e arredondada á centésima máis próxima, e en caso de equidistancia, á superior.

Procedemento para mellorar a nota de admisión
As persoas que desexen mellorar a nota de admisión deberán realizar os exercicios da fase específica das probas de acceso á universidade. A fase específica axustarase aos seguintes criterios:

 Cada estudante poderá realizar un máximo de catro exercicios da súa elección. O contido dos temarios sobre os que han versar os exercicios da proba específica será o establecido para o currículo das materias de modalidade de segundo de bacharelato.

 Para que as materias de modalidade computen no cálculo da nota de admisión, deben estar adscritas á rama de coñecemento do grao ao que se queira optar, segundo o recollido no anexo I.

 Cada exercicio presentará dúas opcións entre as que o estudante deberá elixir.

 A puntuación en cada exercicio estará entre cero e dez puntos, con dúas cifras decimais. Considerarase superado o exercicio cando obteña unha cualificación igual ou superior a cinco puntos.

 Para a realización dos exercicios, as persoas candidatas poderán utilizar, á súa elección, calquera das linguas oficiais de Galicia. No caso de que algún exercicio estea relacionado cunha lingua estranxeira, deberá desenvolverse nesa lingua.

 A cualificación das materias da fase específica terá validez para o acceso á universidade durante os dous cursos académicos seguintes á superación destas.

Neste caso a nota de admisión para aos estudos universitarios de grao calcularase mediante a seguinte fórmula.

Nota de admisión = NMC + a*M1 + b*M2

 

Cálculo da nota de admisión
NMC: Nota media do ciclo formativo, calculada segundo o procedemento indicado anteriormente.

  • M1 e M2: Para que os exercicios computen no cálculo da nota de admisión, as materias deben estar adscritas á rama de coñecemento do título universitario de grao ao que se pretenda acceder. 
  • a e b: Parámetros de ponderación das materias dos exercicios superados. En xeral terán un valor de 0,10, pero as universidades poderán elevar ese valor ata 0,20 para os temarios que consideren máis idóneos para seguir con éxito as ensinanzas universitarias.

Os parámetros de ponderación para cada curso académico e materia figuran na páxina web da Comisión Interuniversitaria de Galicia (http://ciug.cesga.es).
A nota media expresarase con tres cifras decimais, arredondada á milésima máis próxima e, en caso de equidistancia, á superior. 

Inscrición no procedemento

 Para presentarse e realizar a fase específica da proba será suficiente coa inscrición, achegando unha certificación académica oficial.

 A certificación terá o carácter de documentación provisional, e non poderá procederse á admisión nos estudos universitarios de grao ata a consecución e a entrega da documentación acreditativa de dispor do correspondente título.

 Na certificación académica oficial deberá constar:

  • Para os ciclos formativos de grao superior de FP, a superación de todos os módulos que compoñen o ciclo formativo, coa excepción da formación en centros de traballo e, de ser o caso, o módulo de proxecto. 
  • Para os ciclos formativos de artes plásticas e deseño, a superación de todos os módulos que compoñen o ciclo formativo de que se trate, coa excepción da formación práctica en empresas, estudo e talleres, e o módulo de proxecto integrado. 
  • Para as ensinanzas deportivas, a superación dos módulos que compoñen o ciclo de grao superior de que se trate, coa excepción dos módulos de formación práctica e de proxecto final.


Adxudicación de prazas

 A adxudicación de prazas para cada un dos títulos de grao farase en función da nota de admisión obtidas polo estudante para ese título.
 Cando se produza empate para a adxudicación de prazas, terán opción preferente os estudantes cuxos títulos estean adscritos ás ramas de coñecemento nas que se encontren as ensinanzas de grao que desexen cursar, segundo o anexo II

Orde de prelación na adxudicación das prazas das ensinanzas universitarias de grao

 En primeiro lugar, adxudícanse as prazas aos estudantes que nese momento teñan superadas as ensinanzas coducentes aos títulos de técnico superior de formación profesional, técnico superior de artes plásticas e deseño, ou técnico deportivo superior, ou títulos equivalentes.
 En segundo lugar, adxudícanse as prazas aos estudantes que superasen estas mesmas ensinanzas, despois da adxudicación realizada en primeiro lugar.